Xa sabemos que Facebook é unha rede social na que priman sobre todo o número de “amigos” e a exposición de fotografías, ilustracións, vídeos e textos do máis variado que as xentiñas colgamos por moi diversos motivos nun proceso no que moitas veces actuamos por adición, contaxio, desafogo ou reflexo, e poucas por reflexión, e que de seguir así pode rematar por converternos a nós mesmos en imaxes, nunha infinita sucesión de imaxes despoxadas de sentido, de narratividade, e destinadas a saciar a nosa xa enorme gula visual. Na actualidade, o «ser, es ser fotografiado» da modernidade, que dicía Borges, xa non chega. Como apunta o filósofo coreano alemán Byung-Chul Han (“La sociedad de la transparencia”, Herder, 2013), hoxe funciona unha «coacción icónica» que induce a expoñerse, non só porque o invisible non existe socialmente e non produce ningún rendemento nin se converte en mercancía, senón tamén porque nunha sociedade baseada na exposición e na transparencia é sospeitoso todo aquel que non se somete á visibilidade.
Conta Byung-Chul Han que na sociedade de rendemento actual, na que todos somos emprendedores de nós mesmos, abonda excesivamente a positividade e moi pouco a negatividade, esa capacidade humana de dicir «non…» (engádase calquera verbo/acción) –venme á cabeza a canción de Chicho Sánchez Ferlosiso, “Hoy no me levanto yo”, con aqueles versos finais: «Hoy se nace con el sino, / de actuar por actuar. / La gente anda arrebatada / y no se para a pensar…». Segundo o filósofo coreano alemán, o veredicto xeral da sociedade positiva é «gústame», moito máis comunicativo e rendible que «non me gusta», expresión negativa que tende a deter a comunicación e que consecuentemente, na súa opinión, Facebook non introduciu na súa páxina. Todos sabemos que no mundo hiperacelerado, hiperactivo, hiperprodutivo e hipercomunicativo no que vivimos, para cliquear «gústame» non fai falta pensar moito. Eu case diría que non fai falta.