O título fai referencia ao gran asombro que sentín onte pola noite coa nova de que a iniciativa cidadán Podemos se convertera na cuarta forza política en España, nas eleccións ao Parlamento Europeo, con cinco deputados e 1.245.948 votos. Quedou a pouco máis de 300.000 votos de La Izquierda Plural e acadou o terceiro lugar nas comunidades de Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria e Madrid e nas cidades máis importantes das mesmas. En Galicia, con 84.000 votos, vinte mil menos que AGE e catro mil máis que o BNG, foi a cuarta forza política, a terceira nas cidades de A Coruña, Santiago e Vigo. Imaxino que os responsables políticos das forzas de esquerda estarán preguntándose como é posible que un profesor de ciencias políticas (único líder coñecido do partido recen creado fai poucos meses), asiduo “tertuliano” nalgúns programas de televisión, con un discurso simple e para nada diferente dos que lle escoitamos ás demais formacións da esquerda, unha furgoneta e o emprego das redes sociais acadara un éxito electoral maior que elas, que levan anos traballando na política e contan con deputados, alcaldes e concelleiros. Eu non teño a resposta, pero semella que ese millón e pico de cidadáns que votaron por Podemos non se sentían representados por eses partidos de esquerda que denuncian todos os días a política de recortes do Goberno e da UE, a corrupción e o bipartidismo, que ven sendo o mesmo que din os de Podemos. Será cousa da novidade, ou dese “podemos” que tantos réditos lle deu a Obama e que tan ben encaixa nunha sociedade bombardeada a diario con mensaxes competitivos. Trunfan os emprendedores. En calquera caso, una anécdota máis deste noso país tan singular ás veces. A nova máis importante e preocupante destas eleccións chegou de Francia, coa vitoria da Fronte Nacional de Marine Le Pen. De consolidarse, eso si que é grave.
¡marabilla! ¡marabilla!
Comparte esta noticia:
Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir