No verán de 1971 tiven a sorte de cruzar por primeira vez os Pirineos e darme conta que había outra vida moito máis rica e interesante que a pobre, gris, cativa e mexeriqueira que padeciamos en España baixo a ditadura franquista. Desde entón, e mentres tiven oportunidade e ganas, non deixei de viaxar todos os anos a Europa. Se as persoas e os lugares colaboran nun, como pensaba, creo que acertadamente, Borges, a Europa débolle, en grande medida, parte do que son; sen dúbida, a mellor parte. Viaxando por Francia, Suíza ou Italia, puiden descubrir e gozar de todo o que non existía en España: museos de arte, historia, etnografía, ciencias e técnicas, bibliotecas públicas e librerías esplendidamente provistas, tendas de cómics, de música, cines, teatros, cafés e bares atractivos, un patrimonio histórico-cultural coidado e protexido, vilas, cidades e paisaxes ordenadas dun xeito racional, laicismo, educación e sanidade universais e gratuítas, traballos dignos e ben remunerados… En fin, todo aquelo que configurou e aínda configura, a pesar dos recortes, o chamado estado social ou de benestar. Todo o que quería para o meu país estaba alí, pasados os Pirineos. De feito, durante anos pensei que parte dos males de España terían solución investindo en bolsas obrigatorias de viaxe a Europa para as nosas autoridades públicas, para que coñeceran de primeira man que hai outro xeito de facer as cousas. En fin, un sempre foi politicamente inxenuo…
Fai anos que non viaxo a Europa —e non por falta de ganas—, pero procuro manterme informado sobre o que pasa, ben lendo, ben grazas ao que me contan algúns dos amigos ou coñecidos que viven máis alá dos Pirineos. Sei que, incluso na chamada Europa rica, as cousas non pintan moi ben, que gañan peso político populismos e nacionalismos varios en case todos os países, que un día si e outro tamén se pon en cuestión a viabilidade do estado de benestar. Vamos, que sobran as razóns para participar nas eleccións do próximo domingo, sobre todo para os que nos sentimos tanto ou máis europeos que españois ou galegos, para os que cremos que fai falta máis Europa, que unha Europa democrática e social e con máis peso político pode chegar a ser unha das alternativas máis posibilistas e racionais no mundo actual. Prognostican as enquisas un aumento da abstención nas eleccións do domingo. Para os puristas e os que desconfían de todos os políticos, déixolles unha frase dun recen artigo de Arcadi Espada: «La política en España se ha convertido en literatura: todo el mundo escribe y nadie lee. La razón y la proliferación del abstencionista es, crudamente, que no puede votarse» (Arcadi Espada, “Voto a mí”, El Mundo, 13/05/2014).