Creo que leva razón Arcadi Espada: «la ignorancia se ha convertido en el más grande espectáculo contemporáneo». Sobre todo grazas a que boa parte dos medios de comunicación e das elites políticas (incluídos os que denuncian á caste) decidiron servir e adular aos ignorantes porque son negocio (económico e político) e son maioría, como subliña o xornalista catalán. A ver quen lle di a un ignorante que non sabe do que fala, convencido como está, e contando co apoio dos medios e dos políticos, de que a súa opinión de por si, sen razonala nin argumentala, é tan válida como calquera outra. A ver quen lle di que o saber non é democrático.
Nacionalismos
Como nunca creín nas patrias, nin grandes nin pequenas, a día de hoxe nin tan sequera na do corpo da amada e a linguaxe que sostiven cando mozo, gozo coas saídas de ton nacionalistas. A última da que souben, grazas a un artigo de Manuel Jabois, atribúenlla ao almirante don Blas de Lezo y Olabarrieta (1689-1741), un heroe dos tempos da monarquía española de Antigo Réxime (certo que daquela áinda non había nacionalistas, tampouco españois) que perdeu en combate unha perna, un brazo e un ollo (o que lle valeu o apodo de Patapalo e Medio Home) e que defendeu contra todo pronóstico, con poucos buques e con poucos soldados, a praza de Cartagena de Indias contra unha poderosa frota británica: «Todo buen español debería mear mirando siempre a Inglaterra».