Estas cousas pasan porque continuamos aquí. Cumprir anos, vivir, é perder. A ti non che pasa, Rubio, porque te fuches antes. Alá polo 83, nunha tarde de outono abandonaches o barco. Hoxe acaba de facelo, segundo conta a prensa, o Lou Reed. Lémbraste? O verán de 1975, cando trouxen de Xenebra o “Horses” de Patti Smith e o “Live” de Lou Reed. Axiña nos quedamos coa versión do “Gloria” de Van Morrison –con aquela parrafada introdutoria que lle engadiu a Patti e que comezaba, “Cristo morreu polos pecados de alguén pero non polos meus…”, e que nos serviu para acuñar o lema: “Eles cantan o Gloria da misa e nós o da Patti Smith”- e co “Vicious” de Lou Reed, a canción que con tanta forza abría o LP e á que seguían 5 xoíñas máis: “Satelite of love”, “Walk on the wild side”, “I’m Waitting for the man”, “Oh, Jim” e “Sad song”. Desde entón seguimos fielmente a súa traxectoria, ademais de descubrir o seu pasado musical, a Velvet Underground. Foron moitas as veces que escoitamos e mal tocamos as súas cancións. Algún foi máis alá: as risas que botamos cando o Babu foi co “Live” de 1975 ao Salón da Sergy para que lle cortaran o pelo tal e como o tiña o Lou Reed na contracuberta. Xa choveu desde entón. Tanto que nos últimos anos o Lou Reed non quería nin oír falar dos tempos da Velvet. Nós, os que quedamos, tampouco somos os mesmos, pero como me dixo o Luis co gallo da morte de Moustaki, esas cancións forman parte da banda sonora das nosa vidas. Vai ser que ao final todo se resume nunha película, no noso caso de serie B, como moito. Outro día teremos que falar, meu querido Sergio, daquel fato de rapaces que fatigaban Ribadavia, aqueles camiñantes dexedrínicos da media noite que querían dar unha volta polo lado salvaxe da vida.
- Como non sei onde andas –onde carallo ides os mortos, a parte de permanecer no corazón dos vivos mentres estamos aquí?- nin tampouco se tedes discos a man, déixoche a contracuberta do Live para que botes unhas risas a conta do Babu, e o “Vicious” por se te animas a practicar os riffs e os punteos da guitarra do grande Steve Hunter. Por certo, sabes que nas traducións que figuran na rede da letra do “Vicious”, o “Vicioso” pasa a ser “Viciosa”?. Nin che conto como traducen aquela estrofa que di: “¡Ei, vicioso!, por que non lla chupas a un negro? / Ao mellor crees que son unha caralla tola / ¡Ou, neno!, estás feito un vicioso”.
Lou Reed Live (1975) Vicious