Nos anos 20, Walter Benjamin afirmaba que a actividade literaria relevante xa non se debía plasmar no libro, senón no que el chamaba «modestas formas», as octavillas, os folletos, os artigos, os carteis, pois cría que só esa linguaxe curta e áxil podía ter un efecto que se atopara á altura do momento, da sociedade de masas (crenza que non lle impedía, por outra parte, admirar a obra de Marcel Proust). En 1921, o mozo Borges e os seus amigos publicaban en Buenos Aires a revista mural Prisma, unha folla grande que pegaban polas noites nas paredes dos edificios da cidade e que contiña un manifesto, seis ou oito poemas breves e lacónicos máis un gravado de Norah Borges, a irmá do escritor. Na proclama do primeiro número da revista profetizaban: «Desde ya puede asegurarse que la novela, esa cosa maciza engendrada por la superstición del yo, va a desaparecer, como ha sucedido con la epopeya i otras categorías dilatadas». Un ano antes, nunha carta ao seu amigo xenebrino Abramowciz, Borges xa escenificaba con ironía a súa querenza pola vangarda: logo dun longo parágrafo sen puntos no que lle contaba as experiencias nocturnas en Sevilla cos seus correlixionarios ultraístas, dicíalle a punto e a parte: «Acabo de escribir esta frase sin tomar aliento». O certo é que estas experiencias vangardistas pouco lle duraron a Borges, quen xa en en 1927 referíase a Prisma como «un cartelón que ni las paredes leyeron y que fue una disconformidad hermosa y chambona». Cousas dunha xuventude que, ao seu parecer, tiña (e seguramente ten) como patrimonio esencial a inquietude e o descontento.
Aquí en Galicia, tamén se publicou unha revista similar a Prisma, só que uns anos máis tarde, durante a Segunda República. Trátase de Resol. Hojilla volandera del pueblo. Editada por Ánxel Casal na imprenta Nós e dirixida polos mozos Arturo Cuadrado, Luís Seoane e Ánxel Fole, constaba de oito follas grandes de cor na que se imprimían pequenas prosas e poemas de escritores galegos, españois e estranxeiros e que ilustraban os artistas do país. Repartíase polas rúas e o prezo era a vontade do receptor. Dentro desta mesma atmosfera vangardista hai que citar tamén as revistiñas alentadas por Cunqueiro entre 1933 e 1936, Papel de Color, Frol de Diversos e Impresos Sentimentais, que se inscribían no marco do seu proxecto da “Oficiña Lírica do Leste Galego”.Estas formas escritas e artísticas de vangarda están hoxe plenamente instaladas na nosa sociedade. Por citar dous exemplos:as camisetas que levan impresos debuxos e/ou textos literarios e políticos ou as bolsas do pan, de papel, con poemas de escritores galegos, que deron en 2006 as panaderías grazas á iniciativa “Pan con poesía”, impulsada pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
Non sei que pensaría hoxe Benjamin sobre a escrita en internet, TwiterFiction (literatura en 150 caracteres), o microteatro ou as microcharlas. Tampouco que diría Borges sobre o espectacular éxito da dilatadísima novela do escritor sueco Stieg Larsson, a triloxía Millennium (ata 2009 vendéranse en España 2,7 millóns de exemplares e, en todo o mundo, acadara unhas ventas, ata 2012, por valor de 45 millóns de euros), que lle valeu incluso, postumamente, o V Premio de Recoñecemento ao labor máis destacado na erradicación da violencia doméstica, outorgado en 2009 polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero de España.