Javier Rodríguez González (Ourense, 1983) é o autor galardoado na quinta edición do premio de poesía Eloy Lozano, que organiza o espazo cultural El Cercano. A súa obra Do arcano voo da transparencia foi a mellor, a criterio do xurado, entre os 43 poemarios orixinais presentados por autores de España e tamén do estranxeiro, con participantes de Dinamarca e Suráfrica. O escritor ourensán reside en Segovia, onde exerce como profesor en Educación Secundaria de Lengua Castellana y Literatura, no Instituto Mariano Quintanilla. “Cando escribo son riguroso e esixente. Cando me sento escribo dun xeito realmente intenso, pero non podo facelo todo o que quixera porque nestes tempos de pandemia a docencia require moito”, expresa.

Non é o primeiro certame no que resulta galardoado este poeta que tamén escribe en castelán. Pero o galego, vivindo a máis de 400 kilómetros da casa, axúdalle a preservar o vínculo coa cultura propia. “É unha forma de manter ese vencellamento, porque hai risco de que a lingua se enferruxe por non poder falala a diario. Así que aínda que sexa literariamente, manteño vivos eses lazos”. En ocasións utiliza termos galegos na aula, cos seus alumnos casteláns, para explicar cuestións lingüísticas cun idioma que é máis próximo ao latín.

O poemario Do arcano voo da transparencia, que comezou a escribir “hai case un lustro” e retomou recentemente despois dun tempo de “maduración” da obra, toma como punto de partida un motivo literario e pictórico, a dama de Shalott, un personaxe tráxico da lenda do rei Arturo. Tennyson adicou un poema á figura desta rapaza atrapada nunha maldición que non podía mirar cara a Camelot, a fortaleza do rei. Ollaba a través dun espello pola fiestra da torre na que vivía pechada. O artista victoriano John William Waterhouse, vinculado aos prerrafaelitas, pintou esta obra. Para Javier González, a dama de Shallot “é o xerme do poema, pero cunha interpretación libre. É un elemento de inspiración”. A súa obra premiada “refexiona sobre a aventura poética e a creación, sobre que significa ser poeta, os riscos e desafíos. Ten unha dimensión de indagación metapoética”, relata.

González ten colaborado en revistas como Encrucillada, Piedra de Molino, El Cobaya, Rudesindus o Auriensis. A editorial Eurisaces publicou Preludio a la ceguera. O poemario que vén de ser recoñecido co premio Eloy Lozano sairá do prelo este semestre. “É unha satisfacción enorme, porque é o primeiro concurso que gaño en Ourense. Ten outra dobre significación persoal, porque está adicado a Javier González Lamas, que editou o meu primeiro libro e chegou a ler os primeiros versos. Cando participei neste certame, ilusionábame a posibilidad de gañar e ser editado por un selo ourensán”.

Un autor novo sen WhatsApp

Este profesor e escritor, de 37 anos, era “lector voraz” xa de adolescente. A etapa universitaria marcou un cambio de inflexión. “Cheguei a Santiago de Compostela a estudar a carreira de Filoloxía Hispánica e comecei a escribir en serio, pero sen publicar. Era un escritor en segredo de poesía. Logo, con 23, 24 ou 25 anos, xa empezou a ser unha adicación máis pública, participando en concursos. Foi unha etapa de formación longa e tardei moito en decidirme”.

Javier Rodríguez, un autor novo, non ten WhatsApp. “Penso que a poesía, no contexto actual, dá unha oportunidade de retorno ao mundo real, concebido co seu misterio e a súa sacralidade. Entendo a poesía como unha forma de coñecemento e de aventura, de sentir e de situarse ante o mundo. Penso que o excesivo mergullamento nas novas tecnoloxías nos está afastando do mundo real, e a poesía permite ver os feitos máis elementais. Cada vez é máis acusada a tendencia de que o mundo real sexa substituído polo mundo virtual, e a poesía permítenos retornar a el e rehumanizarnos incluso”.