Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz é o libro de Eduardo Galán Blanco que edita o OUFF e que este domingo (Teatro Principal, 12.00 horas) se presenta no certame ourensán. A luz mencionada no título, xunto coa verdade e a beleza, alicerzaron o traballo do director finado no 2009. «“A luz éo todo”, dicía Eloy», lembra o autor da monografía. «A luz fronte ás sombras, as sombras do país, nosas propias sombras -Eloy era moi consciente das súas-, a luz como sinal e procura da identidade, como alimento e mesmo como ferida. Entre algún dos poemas de Eloy, publicados de maneira póstuma polo seu amigo Moncho Conde-Corbal, lemos: “Nacín para estrelarme, morrerei devorando a luz”. Eloy foi un creador ávido de beleza e chanceaba dicindo que “era un esteta da confraría da Santa Irmandade do Encadre”».
Precisamente esa procura fixo de Lozano alguén cun grao altísimo de disciplina e autoesixencia: «Perfeccionista ata a autotortura, Eloy non aturaba as chapuzas habituais da “canalla” da cultura. Chocou con todos nós. Era un ogro que amaba a beleza e non soportaba a fealdade e a mediocridade. Pero os seus lendarios cabreos unicamente ocultaban a amargura e a impotencia da súa loita contra os elementos».
O volume repasa eses trazos humanos do cineasta e mais as súas obras, entre as que se contan a adaptación de Retorno a Tagen Ata, de Ferrín, e a de Kawabata Belas dormentes. A literatura estaba moi presente no seu traballo, pero a súa curiosidade abranguía moito máis, dende a arquitectura á antropoloxía, o vídeo e a publicidade. «Interesáballe moito a identidade da nosa expresión», confirma Galán, crítico de cine deste xornal.
(Nota de elcercano: reproducción literal de la carta que nos envió Ferrín con motivo del homenaje que le hicimos en elcercano a Eloy en el 2011.
ESCRITO DE MÉNDEZ FERRÍN | |
Coa morte de Eloy Lozano, Galicia perdeu unha personalidade irrepetíbel e os familiares e amigos unha presencia entrañábel e reconfortante. O seu traballo como pioneiro do cinema galego non será nunca esquencido. E eu, humildemente, non esquencerei que o primeira película en formato superior e profisional, “Retorno a Tagen Ata”, foi producida e dirixida por Eloy para satisfacción de todos os que tiveron ocasión de ver. Eu estou orgulloso de que Eloy escollera un meu relato como punto de partida do guión. Tampouco poderei esquencer que Eloy Lozano, un día espléndido, no Espoló de Celanova, me propuxo colaborar con Francisco Leiro nun libro que el mesmo (Eloy) habería de editar e titular “Erótica”. Se el non me presionase cordialmente, eu nunca escribiría os poemas de “Erótica”. O libro é precioso, principalmente debido aos dibuxos expresionistas e poderosos de Leiro e igualmente ao talento de Eloy Lozano como BOOK DESIGNER, coma agora lles chaman os entendidos aos diagramadores gráficos de libros. O talento de Eloy Lozano extendíase a toda a literatura e a todas as artes. Por parte de intelixente, el era bo e nobre. A súa morte, para min, constituiu unha perda moi dorosa. 11/12/2009
|