En A arte da novela publicada en 1987 escribe Milan Kundera no apartado «Entrevistas»:
Por desgraza a entrevista tal como adoita practicarse non ten nada que ver cun diálogo: 1) o entrevistador fai preguntas interesantes para el sen interese ningún para un mesmo; 2) non utiliza as respostas de un senón as que lle conveñen; 3) tradúceas ao seu vocabulario, ao seu xeito de pensar… aparece a entrevista. Consólase un; ¡será esquecida ¡ !Que va! !Será citada!…Hai tempo tomei unha decisión. Nunca máis unha entrevista…
É una alternativa precavida para quen como Kundera non precisa estar presente nos medios ou pode prescindir desa presencia sen demasiados perxuízos cousa que en política sería suicida. Se cadra, por ese risco suicida da non presenza, algúns políticos convocados por xornalistas carnívoros permiten que unha gravación de hora e media quede reducida a 30 ou 45 minutos escollidos polo seu entrevistador segundo a súa ideoloxía nos que o “diálogo” é case sempre un xuízo de parte no que o xornalista exerce de fiscal sen que “acusado” poda recorrer a un avogado defensor. Non sei se foi Arcadi Espada o que co gallo dunha liorta cun xornalista que o entrevistaba nun programa de televisión definía o xeito no que se desenvolven as entrevistas como: eu pego (o entrevistador) e vostede esquiva (o entrevistado). Tal asimetría, tradicional no xornalismo, non é aceptable
A alternativa de Kundera serve para xornais pero non para medios audiovisuais pero hai outras alternativas. Por exemplo: 1) Non conceder nunca unha entrevista en televisión se non é en directo; 2) O entrevistador ten o dereito de preguntar ao entrevistado o que lle pete pero ese mesmo dereito ten que o ter o entrevistado para preguntar o que lle pareza, ao entrevistador e ter resposta ás súas preguntas. Os únicos que poden dicir, “o que fai as preguntas son eu ” son os xuíces e a policía, non os xornalistas .
Nassin Taleb no seu último libro, Xogarse a pel, aconsella aos inversores que só se fíen daqueles asesores que poñen en xogo o seu propio patrimonio no que aconsellan. Aqueles que teñen algo que perder no que aconsellan non o farán frivolamente. O mesmo vale para os entrevistadores. Ao público interésalle tanto o que un político famoso teña que dicir ou intente ocultar como o que o seu non menos famoso entrevistador teña que ocultar ou dicir.
3) Se non se aceptan estas condicións, polo menos a primeira, non conceder nunca entrevistas.
Non teño dúbidas de que as entrevistas así convertidas en “conversas”, terían moito máis interese público e espertarían tamén o interese do público que non son a mesma cousa.