En Napoleón, filme francés dirixido en 1956 por Sacha Guitry que interpreta tamén a Talleyrand, hai diálogos que merecen ser lembrados. No comezo do filme, uns amigos que visitan a un Talleyrand xa retirado na súa casa, pídenlle que lles conte a historia de Napoleón. Despois de vacilar un tempo, conta a historia como se houbese acontecido hai cen anos:
Existiu hai moito tempo un ser fabuloso con aspecto de home que naceu nunha illa (Córcega), soñou toda a súa vida con conquistar unha illa (Inglaterra), retirouse a unha illa (Elba) e, en contra da súa vontade , morreu nunha illa (Santa Helena)…
Talleyrand foi sen dúbida un home especial pois malia a ser crego,(bispo) no Antigo Réxime ocupou cargos moi relevantes na revolución, nos tempos napoleónicos e na restauración monárquica. Del se dicía que “vendera a todos os que o compraran” e no filme, en frase que non sei se é propia ou se debe a imaxinación de Sacha Guitry, advirte a Napoleón que cando decida traizoalo o avisará o día anterior. A frase debe ser verdadeira pois dixo noutra ocasión que, a traizón é un asunto de datas. Polo que se sabe, ao alcalde non o avisou ninguén o día anterior. Para iso cómpre ser Talleyrand e non é o caso.
Napoleón pensaba que a súa presenza no campo de batalla valía por 100.000 homes. O alcalde que vale polo pleno do Concello. Veremos.