Raquel Feijoo en Tempo de Lecer
En xullo de 1927, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Ben-Cho- Shey camiñaron desde Ourense a Santo André de Teixido. Esta viaxe é o punto de partida do libro: De camiños, viaxeiros e camiñantes, unha obra na que Santiago Lamas e Alfonso Mato desenvolven unha reflexión suxestiva sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. Sobre os peregrinos, paseantes, guías de viaxe, turistas e vagabundos literarios, ademais das actuais e, nalgúns casos, perversas formas de camiñar. O libro gañou o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2015, convocado pola Consellería de Cultura e Educación e pola Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa. E presentouse este mércores no Café Cultural El Cercano, nun acto no que os seus autores estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Desde a actualidade, o libro dialoga coa Galicia de inicios do século XX mediante un estilo aberto e rico seguindo o ronsel do ensaio e da digresión que descubriu e practicou con singular brillantez Michel de Montaigne. O xurado, que en decembro concedeu por unanimidade este premio dotado con 3000 euros e a publicación da obra pola Editorial Galaxia, estivo integrado por Luís Alonso Girgado, Lourenzo Fernández Prieto, María López Sández, Dolores Vilavedra e Carlos Lema.
Na súa intervención, Valentín García recordou que o galardón se creou “en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro, para manter vivo o espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual: a vontade de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo”. Na súa opinión, a obra de Mato e Lamas “trasládanos de novo ao longo das súas páxinas ao europeísmo galeguista que tan ben definiu o propio Ramón Piñeiro e que aínda segue sendo nos nosos días un tema de absoluta actualidade á hora de darlle resposta aos desafíos da Galicia actual.”
Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 e, nas edicións anteriores, o galardón recaeu en Basilio Lourenço Fondevila, por “A submisión das masas” (2000); en Anxo A. Rei Ballesteros por “Tempo e vinganza” (2002); en Xosé Luís Barreiro Rivas por “A terra quere pobo” (2003); en Teresa Moure por “Outro idioma é posible” (2004); en Rebeca Baceiredo con “O suxeito posmoderno” (2005); en Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero por “Psicopatoloxía do retorno” (2006); en María López Sández, con “Paisaxe e nación” (2007); en Xosé Ramón Quintana Garrido, por “Un longo e tortuoso camiño” (2008); en Manuel Pérez Rúa con “Domingos de calcetíns brancos” (2009); en Ramón Máiz, por “A arte do imposible” (2010); de novo en Teresa Moure con “Queer-emos un mundo novo” (2011); en Xaime Subiela, con “Para que nos serve Galiza?” (2012); en José Mª Durán Medraño, con “Da natureza, artistas e vermes” (2013); e en Luís G. Soto, con “Barthes filósofo” (2014).