CHESTERTON e a CANCELA
En Alarmas y Disgresiones [1]conta Chesterton, que daquela vivía nunha pequena vila rural que, «si quitara miña porta- cancela e a puxera no medio da miña horta, os meus veciños da aldea (na súa simplicidade) se cadra, estrañaríanse…». Non acredito moito na simplicidade que lle apón Chesterton aos seus veciños pero calquera que coñeza a Galicia rural, estaría moi de acordo coa súa «alarma», porque, supoño que sería unha alarma, a súa observación, velaí que aínda hoxe siga procurando sen éxito malia ás miñas pescudas veciñais, algunha explicación a esa cancela que nada pecha que hai anos alguén puxo a carón da igrexa de san Cibrao en Acebedo do Río (Celanova).
Que se saiba, non é cousa dunha desamortización serodia e anónima, nin cousa do demo, nin do desleixo dos obreiros que fixeron o traballo, nin da falta de cartos para rematar un suposto peche, nin de roubo.
No mesmo artigo, O anarquista, fala Chesterton, do Marble Arch de Londres, que en tempos era a porta de entrada ao Pazo de Buckingham é agora é unha porta- arco de triunfo ergueita en Hyde Park pola que ninguén pode “entrar”pois leva a ningures.
Os británicos semella que quitaron a porta do Pazo de Buckingham e deixaran os muros para que ninguén entrara. En san Cibrao, deixaron a porta e quitaron os muros. É como se alguén, xa que apenas quedan fregueses nas igrexas, quixera eliminar calquera atranco para que os poucos que aínda se achegan a estas capelas poidan facelo sen moitos trámites nin ritos. Son os tempos.
[1] Chesterton.G.K, Alarmas y Disgresiones. Espasa Calpe. 1946.