Eran catro homes maduros os que falaban na mesa do café a carón da miña. Un deles, máis que falar, esbardallaba abafando coa súa leria fachendosa aos demais que pouco máis podían facer que coidar das súas copas de viño que os amplos xestos cos que emisor de berros acompañaba a súa oratoria, ameazaba. Nun momento do rodopío, o esbardallador interpelou a un dos abafados que, calado, non participara nin na “conversa” nin intentara facelo. O interpelado ollou para o home berrante e moi devagar dixo: “Non me gusta que me interrompan cando estou calado…”. Pampo, perante unha resposta que non tiña devanceiros no seu maxín, o home que berraba, recolleu os seus lentes da mesa e marchou. Vaille levar tempo entender o que alí aconteceu.
Tiven ganas de me erguer e felicitar a quen así replicara pero quedei calado. A ese home non lle gusta que o interrompan cando cala. E seguía calado…Os outros tres, tamén pero tiñan un sorriso na cara.
O velho do Restelo
1 comentario en “ESCENAS NO CAFÉ. 1.CALADO”
Por experiencia llo digo: Só cando o paso dos anos fai o seu traballo de desgaste no ímpetu da forza da xuventude, cando as cousas van tomando o pouso do paso do tempo, e si hai sorte algúns dos contertulios tivo a fortuna dun pausado aprendizaxe nas lerias da comprensión do prójimo, e sobre todo, teño que decilo, cando a conversa é entre mulleres xa que moitas veces abondan de máis as palmeiras e fáise aínda máis difícil, só entón pode que algún no no vexa soamente coma un bicho raro raro sen máis. (Dígoo polo que estaba calado e respondéu de tal xeito, moi contido e diplómatico por outra banda, outro máis explosivo mandaríao a merda directamente).