Pouco despois de que en 1989 os musulmáns da cidade inglesa de Bradford queimaran os Versículos Satánicos de Salman Rusdhie, aquel vello arroutado e fanático que foi Jomeini, proclamou unha fatwa que condeaba á morte a Rusdhie e a todo aquel que estivera relacionado coa publicación do libro. V.S. Naipaul, falecido hai pouco, un hindú nacido na illa de Trinidade que sería despois Premio Nobel de literatura, dixo daquela, hai que supoñer que ironicamente, que a fatwa de Jomeini, parecialle unha forma extrema de facer crítica literaria. Unha “crítica” tal ten poucas defensas é a única que atopou Rusdhie foi agocharse. Leva así máis de 25 anos pero un dos seus editores non tivo tanta sorte: foi asasinado.
O músico Karlheinz Stockhausen, foi se cadra máis alá ca Naipaul. Nunha conferencia de prensa en Hamburgo o 16 de setembro do 2001, poucos días despois do atentado das Torres Xemelgas, dixo que o 9/11 fora unha obra de arte: O feito de que uns seres se preparen como tolos para un único acto durante anos e morran nesa única actuación fai que sexa o máis grande traballo artístico xamais acontecido… eu non podería facer algo semellante… os compositores non podemos facer nada comparable... Se desbotamos a moral, como semella que fai Stockhausen, habería, na idea de Stockhausen, torturas «artísticas» e asasinatos non menos requintados.
Os concertos que Stockhausen tiña programados foron cancelados e non faltou quen pedira o seu ingreso nun manicomio pero a súa frivolidade, como a de Naipaul, non tivo maiores consecuencias e iso, malia que, ese gran «traballo artístico», fora preparado na propia cidade de Hamburgo onde vivían Mohamed Atta e algúns dos seus colegas suicidas que pilotaban os avións que derrubaron as Torres Xemelgas.
Hai uns días a revista El Jueves publicou unha portada na que debaixo do título La Pandilla Voxura, se ve a Ortega Lara deitado co corpo queimado por poñerse “cara ao sol” despois de tanto tempo de escuridade. O menos que se pode dicir desa portada é que é miserable.
Non sei quen dixo que estas frivolidades, ou os chistes que ás veces as acompañan, poden ser tolerados cando teñen como diana os verdugos, nunca ás vítimas. Pódense facer chistes cos nazis nunca coas vítimas xudeas, co fanatismo de Jomeini ou o de Mohamed Atta, nunca cos asasinados por eles, cos etarras asasinos nos cos asasinados por eles. É unha lección que aínda non aprenderon algúns políticos e xornalistas españois que teñen nos twits iletrados e frívolos e nas portadas miserables o seu cumio intelectual i ético.