Moitos xornalistas dos que hoxe ateigan os parladoiros de radios e televisións, cumpriría que seguiran as razóns invocadas por Heródoto na primeira páxina da súa Historia:
No que segue, Heródoto de Halicarnaso, expón o resultado das súas investigacións, para evitar que co tempo se esqueza o acontecido entre os homes e así, que as fazañas grandes e admirables, realizadas en parte polos gregos, en parte polos bárbaros, queden sen a súa fama… pero ante todo, para que se coñezan as causas que os levaron a se facer a guerra
Heródoto (484-425 a.C) sempre distingue entre o que el puido ver e o que recolle de outros e non deixa, cando é o caso, de relatar as diversas opinións sobre os asuntos que trata para despois dar a súa ou non dar ningunha. Máis atrancos ten, é a época, en arredar os feitos dos mitos o que levou a algúns dos seus lectores a falar da inxenuidade de Heródoto pero ninguén pode ir máis alá do mundo no que vive e hoxe arredar a verdade da postverdade, os feitos das trolas é, se cadra, aínda máis complicado que arredar mitos e feitos nos tempos de Heródoto.
Tucídides e case contemporáneo de Heródoto pero so seu relato é moi diferente. É un xornalista ao que lle interesa a verdade e ser obxectivo:
Tucídides o ateniense compuxo a historia da guerra dos peloponesos e os atenienses tal como foi comezándoa cando estalou e na confianza de que sería importante e a maior das acontecidas…. no que atinxe aos feitos do que aconteceu na guerra non considerei acertado escribilos informándome polo primeiro que me atopase… senón so daqueles nos que estiven presente ou dos que fun procurar a outras fontes coa maior exactitude posible en cada caso….
Uns séculos despois, Tácito (55-117 d.C) ten as mesmas intencións pero os tempos son outros. Non é un cidadán de Atenas, Esparta ou Tebas. É un cidadán dun imperio que xulga e relata feitos noxentos:
Os sucesos prósperos e adversos do antigo pobo romano foron relatados por historiadores esclarecidos; tampouco a época de Augusto careceu de brillantes enxeños que a narraran ata que a adulación fixo que se calaran; a Historia de Tiberio, Claudio e Nerón, falseada polo medo mentres exerceron o poder despois das súas mortes escribiuse ao ditado de odios recentes[1]…
Enceto un relato cheo de calamidades, de loitas atroces, de sedicións e revoltas, un tempo no que ata a paz foi inmisericorde. Polo ferro morreron catro emperadores, houbo tres guerras civís, numerosas no exterior e ás veces, combinadas. A sorte foinos favorable en Oriente e adversa en Occidente… Italia veuse aflixida por desfeitas sen precedentes… desde hai moitos séculos. Arderon ou quedaron soterradas as máis prósperas cidades da Campania e Roma foi devastada por lumes, os santuarios máis antigos calcinados…o mar encheuse de exiliados as sirtes de cadáveres…a quen non tiña inimigos bastábanlle os seus amigos para atopar a perdición… [2]
Napoleón non aturaba a Tácito. Conversando con Goethe en Weimar dicía:
Ese historiador que vostedes citan tanto, Tácito, nunca me ensinou nada … ás acción máis simples atópalle motivos criminais; converte a todos os emperadores en canallas… todo son acusacións, acusados e xente que se abre as veas no baño…[3]
Todos escribían historias pero de xeito diferente. Heródoto escribía como un antropólogo; Tucídides, como un xornalista; Tácito, como un xuíz. Os tres procuraron ser xustos co que relataban. Os políticos de hoxe, supoño que , como Napoleón, non terían moito aprecio polos Heródotos, Tucídides e Tácitos de hoxe, pero para a súa fortuna e a nosa desgraza, semellan ser unha especie en perigo de extinción polo menos é o que hoxe me parece lendo os xornais, escoitando a radio, ollando os parladoiros televisivos.