O Ex-Presidente X, (arquetipo imaxinario dun gobernante dun país non menos imaxinario) foi un «home feito a si mesmo». O Presidente Y, fillo do primeiro, é «un home feito polo seu pai». X, sempre retranqueiro, mesturaba afabilidade persoal con corrupción institucional. Y, non foi nin é afable e hai sospeitas sonoras de asuntos non moi limpos na empresa que preside. Segundo o laretar local, seica exerceu ás agachadas algúns vicios menores e con fachenda koreana, algúns maiores no eido megalómano. A ironía, a retranca é o humor non aniñan no seu modo de ser como eran norma no seu predecesor que tampouco delegaba as liortas que puidesen acontecer en axudantes. É home que abusa do imperativo (ás agachadas) e desconfía do condicional e do subxuntivo, tempos verbais que eran os que o seu predecesor tiña por costume empregar. Nos últimos tempos exerce de esfinxe calada (a de Edipo, preguntaba) nos plenarios da empresa que preside onde atura nun silencio trapense críticas políticas e persoais nas que ás veces mexan por riba del e nin sequera di que chove, se cadra, é un supoñer, porque non ten respostas convincentes coas que replicar. Polo seu feitío corporal e a súa acostumada pose de poder cos brazos pendurando afastados do corpo, semella un gladiador tracio pero procura fuxir das loitas corpo a corpo e mente a mente pois ten espelidos servidores que se ocupan desas loitas e réplicas, ás veces, cómpre recoñecelo, con certa habelencia. O ego de Y, desmesurado como é, desborda os límites do seu cativo territorio de goberno que malia a súa cativeza, imaxina grande e farto de abondo como para firmar acordos con potencias estranxeiras sobre asuntos gasosos que seguen a triloxía non menos gasosa de poñer en valor, facer visible e mostrar solidariedade. Como o seu predecesor, tivo a habelencia precisa para abafar posibles subversións con xenerosas subvencións que espalla con fartura entre antigos «subversivos» agora achegados.
Como é case tradicional nestes casos e home crédulo que acredita en certas supersticións esotéricas. Sen unha naipeira de man de confianza que lle tire consellos do Tarot nin dun oráculo de Delfos na veciñanza ao que recorrer, confía en certos signos numéricos aos que lle apón propiedades non sei se adiviñatorias ou protectoras.
Ten o feitío dun Ozymandias provinciano que polo seu abastado Ego non desmerece do poema de Shelley nin da lenda que Ramsés el Grande, (Ozymandias) mandou gravar no pé da súa lápida: Rei de reis son eu, Ozymandias. Si alguén quere saber o grande que son e onde repouso, que supere algunha das miñas obras.
Y, aínda non repousa e ninguén quere que o faga pero semella que aínda que ninguén as ve, gábase das súas «impoñentes» obras como o Ramsés Ozymandias facía.
En fin, Pode que a este imaxinario ente político se lle apoñan feitos que nunca se produciron ou que aconteceron doutro xeito pero no caso dos políticos, de todos os políticos, por cautela, cómpre sempre ter presente a H.L. Mencken: É un pecado pensar mal do próximo pero case nunca é un erro.