Nos anos 70, moita mocidade francesa e non poucos intelectuais fixéronse maoístas. Algúns destes visitaron China en 1974 nunha viaxe coidadosamente planificada polas autoridades chinesas i escribiron despois relatos nos que loaban a revolución cultural e os logros maoístas. Roland Barthes, o filósofo François Wahl, Julia Kristeva e o seu home, Philipe Sollers, que daquela dirixía a revista pro-maoísta Tel Quel foron algúns dos invitados.
Nese mesmo tempo, outros relatos máis informados contaban outra historia máis acaída co que alí sucedía e coa verdade dos feitos como mostraría o porvir. Entre eses relatos estaban os de un sinólogo belga, casado cunha chinesa, tradutor de Confucio e doutros escritores, con teses sobre a pintura e a literatura chinesa , que fora agregado cultural en Pekin, vivira en Hong Kong e en Taiwan e falaba i escribía chino con fluidez: era Pierre Rickmans que adoptaría despois o nome literario de Simón Leys. Os varios libros de Leys sobre China[1] revelaban unha faciana do maoísmo que estaba moi lonxe das loanzas dos viaxeiros de 1974. O Gran Salto Adiante, a Revolución Cultural, non eran grandes logros do maoísmo; eran os responsables de millóns de mortos de fame e asasinatos que Leys contaba aos occidentais. Sen ter en conta os seus saberes sobre China, Leys foi aldraxado polos colegas franceses, os de Tel Quel incluídos, que lle apoñían como era (é) costume entre a esquerda do tempo, basear os seus informes en fontes falsas de orixe CIA ou semellantes sen que eles citasen a procedencia das súas: É unha suma de afirmacións incontrolables establecidas polos traballos dun experto sinólogo que ninguén coñece…
Os relatos que escribiron os viaxeiros mesmo provocaron algunhas leas entre eles. Para Wahl, os chineses para se reinventar volvéranse amnésicos co seu pasado milenario e se occidentalizaran á maneira soviética o que provocou unha crítica dura de Sollers. Barthes, que non aturaba a Sollers, que estivera preguiceiro na viaxe e fuxía cando podía do programa oficial, vía unha China apracible, insípida e chairiña, unha campía sen campanarios nin casas señoriais, no medio da revolución cultural en curso..
Leys tivo que agardar varios anos para que os antigos maoístas (algúns) recoñeceran a veracidade do que contaba e tivo que ridiculizar dun xeito case cruel e inédito nel no programa Apostrophes de Bernard Pivot en 1983 a María Antonietta Machiochi, unha comunista italiana que fora invitada a China e publicara un libro de loanzas maoístas que Leys non puido deixar pasar. Un dos que o recoñeceron foi Sollers que escribiu en Le Monde:
“Leys tiña razón e continua a ter razón ; é un analista e un escritor de primeiro orde; os seus libros e artigos son unha montaña de verdades precisas …”
Sollers engade un apólogo para intentar explicar o porque el e os seus colegas da revista Tel Quel foran tan crédulos no que atinxe a Mao e moi comprensivos cos que viñeron despois del:
“Dous e dous son seis, di o tirano. Dous e dous son cinco, di o tirano moderado. Ao individuo heroico que lembraba, asumindo riscos e perigos, que dous e dous eran catro, uns policías viñeron “avisalo”: non quererá vostede que volvamos á época na que dous e dous eran seis. Así vai a presión alucinada da mentira: a verdade, escribe Leys, pola súa natureza é noxenta, salvaxe e cruel; trae problemas, pon medo, mata…”
Á misteriosa sedución que exercen os tiranos sobre moitos intelectuais dedicou hai pouco un libro Paul Hollander: From Benito Mussolini to Hugo Chávez. É de moito proveito para os interesados na cegueira política e moral de tantos recoñecidos intelectuais e para entender algunhas cousas que hoxe acontecen no país noso.
[1] Moitos dos seus artigos pódense ler en Breviario de saberes inútiles, Acantilado, 2016. Para os que lean francés, a biografía de Philippe Paquet, SImon Leys, navigateur entre les mondes, Gallimard, 2016 e un deses libros que non se esquecen.