No seu traballo como xornalista, que foi longo e plural, recoñecía Torrente Ballester dous referentes que influíron moito no seu estilo de escritura. O primeiro deles foi o relato de Pérez, alumno de retórica, convocado á pizarra polo seu mestre, o Juan de Mairena de Antonio Machado.
Mairena, na súa clase de retórica:
- Sr Pérez. Salga usted a la pizarra y escriba: “Los eventos consuetudinarios que acontecen en la rúa”
El alumo escribe lo que se le dicta.
- -Vaya usted poniendo eso en lenguaje poético
El alumno después de meditar, escribe: “Lo que pasa en la calle”.
- Mairena: No está mal
O segundo referente é unha anécdota de cando, aínda na mocidade, Azorín procuraba en Madrid o seu primeiro traballo. Azorín chega canda novo a Madrid. Vai visitar ao director dun xornal para pedirlle traballo. Sen lle pedir informe ningún, o director dálle un diñeiro para que vaia a buscar tabaco no estanco da esquina. Azorín, alporizado, cumpre o pedido. Cando volve co tabaco o director pídelle que conte o acontecido nunha folla.
Non sei se o director do xornal coñecía o xeito no que Flaubert ensinaba as artes da escritura a Maupassant pois facía que camiñase polas rúas para que despois escribira sobre unha tenda ou un porteiro vistos no seu camiñar de maneira que só podían ser esa tenda ou ese porteiro e ningún outro pero hai de certo moita semellanza e non se pode dicir que sexa un mal método.
Cunqueiro resumía dalgún xeito estas dúas historias cando dicía que, o que el pretendía era contar claro, seguido e ben. Non está mal, creo, pero non sei cales son agora os referentes que se propoñen nas Facultades de Xornalismo si se propón algún, porque non dou entendido o que se ensina en moitas das materias que compoñen hoxe o currículo da carreira.
O mundo, sen dúbida mudou e moito. O xornalismo tamén, pero non abonda co dominio das novas tecnoloxías da información polo que supoño, non sei se con acerto, que o contar claro, seguido e ben seguirá na cerna do oficio, se conte por medio de letra impresa, ou ao través de dispositivos audiovisuais ou radiofónicos e para ese traballo do ben contar, algúns xornalistas de onte seguen a ser mestres que non se poden esquecer.
Postdata: Cómpre outra cousa máis que hoxe non é doado conseguir. Manter controlado o “sesgo de confirmación”: A tendencia a favorecer, buscar, interpretar e lembrar as informacións que confirmas as propias crenzas ou hipóteses, esquecendo ou dándolle pouca relevancia ás que as refuten.