O xornal abondaba en xuntanzas varias para facer visible e poñer en valor, non problemas relevantes, senón cousas da deputación, concello e outras entidades que por non amolar ao persoal poderíamos chamar, “gaseosas”. Non estou moi seguro de que o señor de certa idade que onte entrou no café co xornal na man, de certo xa lido, fixera a petición irónicamente ou en serio. Non tiña aparencia de político nin de pedagogo polo que a petición irónica é a que ten máis posibilidades. O caso e que se achegou á barra e cando a camareira lle preguntou que quería, dixo:
- Poña en valor e faga visible unha caña
A camareira que o coñecía estivo a súa altura
- ¿ Igualitaria ou solidaria?
- Igualitaria. Teño un cocido igualitario despois
- Moi ben. ¿O pincho, solidario ou igualitario?
- Mellor non me poña en valor o pincho e non mo faga visible. Non teño fame e o cocido vai ser de encher
- É moi bo xénero
- ¿Leva ideoloxía?
- Leva, pero amolecida. Case non se nota.
- ¿E bioloxía?
- Diso pouco
- A camareira trouxo unha caña cuspidiña a calquera outra pero o cliente bebía uns grolos ollando para os demais insolidarios clientes como se estivese arranxando o mundo e impartindo docencia igualitaria.
- Cumprido o último grolo chamou á camareira:
- ¿Canto é?
- 1,50
- ¿Está subvencionada a caña?
- Nin está nin o vai estar
Entón, poña en valor e faga visible outra… solidaria