Non hai moito, un inxenieiro galego que leva tempo traballando en Mozambique, preguntou, (con retranca) a João, presidente da UDACOMO, siglas que resumen o longo e requintado nome da “União distrital das coperativas camponesas de Montepuez”, (no norte de Mozambique): ¿Como foi que voçé criou isto?. João, sen dubidar respondeu: Para apanhar dinheiro… A mesma pregunta dirixida ás ducias de asociacións veciñais, deportivas, recreativas, culturais que reciben diñeiro do concello, deputación ou Xunta sen dúbida non terían unha resposta tan sincera. Invocarían beneficios populares diversos e case sempre invisibles pero nun país onde hai xente que se chama Pessoas das Neves Cinco Aquí, (nome real), nunca se sabe o que pode pasar.
Tamén en Mozambique, onde goberna o esquerdista FRELIMO e onde se conduce pola esquerda, os consellos sobre o conducir prudente teñen un compoñente patriótico que adoita ser máis común atopalo entre xente de dereitas. Hai anos, entre nós, corría un falar tirado do código de circulación español ue non era raro escoitar nas liortas verbais entre partidarios dunha ideoloxía ou de outra: “el ganado y con ronzal por la derecha; peatones por la izquierda”.
Os mozambicanos non son tan rifantes. O cartel máis espallado di o que segue: se conduzirnão beba; aperte o cinto de segurança; preste atenção ás regras de trânsito; tenhacuidado cos peões; ame o seu país para melhorserví-lo; ame o seu país para un futuro melhor.
Imaxinar uns consellos como estes entre nós non é cousa doada pero os mozambicanos semella que emparellan conducir vehículos con conducirse como cidadáns de tal xeito que os consellos poderían dicirse así: se gobernar não beba; aperte o cinto de seguranza (aforre; non malgaste o presuposto); preste atenção as leis; tenhacuidado coa xente de a pé.
Non sei se este xeito de se comportar é unha herdanza portuguesa ou nativa. Coñecendo os costumes dos nosos veciños sospeito que é cousa lusitana pero, !quen sabe!.