Non sei que pensan ni que miran os xubilados que coma min pasean as rúas. Supoño que haberá de todo. O tradicional era o mirar as obras pero agora hai poucas e non tiven nin teño esa curiosidade e ademais, nas poucas que atopo, xa non hai curiosos . As obras xa feitas teñen máis interese e cómpre dicir que as públicas, son mostras do feísmo máis noxento. O novo centro de saúde do Couto, unha grileira de costas ao río,pon medo a quen a ela se achegue cun problema de saúde. Pode que teña interiores con xeito para as consultas e espazos acolledores para os doentes pero os veciños paseantes temos tamén o dereito de que o que vemos dende fora sexa,senón fermoso, polo menos “neutro”. Esta grileira non o é,e fai compaña feísta ao veciño Pazo de Xustiza que se ergue ao seu carón envurullado por unha tea metálica como se fose obra de Christo. A estación de autobuses, un espantallo; o Paco Paz, outro. Á Ponte do Milenio, houbo que ornamentala cunhas escaleiras que amoleceran a súa falla de beleza funcional pero polo menos, permite ver unha ponte nos lonxes que leva aí nas súas sucesivas remodelacións, milleiros de anos para lembrarlle a quen sexa, que se poden facer obras públicas fermosas. ¿E que dicir deses bloques de formigón da Confederación Hidrográfica, (creo) que lixan as ribeiras do río?. ¿Serei eu o único que se sinte agredido por este feísmo urbano?. Non creo, pero como se o fose. Ninguén se queixa e por se non abondase, hai algunhas esculturas urbanas das que mellor non falar.
Os carteis que enchen as rúas teñen máis interese. Non deixa de ser curioso que de cando en vez o xornal local, TheCountry, acolla as queixas das autoridades sobre a ilegalidade destes carteis que enchen as paredes da cidade e non haxa queixa ningunha nin vontade de limpar as pintadas que estragan moito máis cada recanto, cada muro, cada persiana, cada porta, cada pedra (mesmo na catedral) , cada banco, cada árbore… Non creo que esaxere: non hai no centro de Ourense dez metros limpos desta peste adolescente. O casco histórico debería chamarse “casco das pintadas” pero como o botellón, que leva anos avivecendo o beber non virtuoso da mocidade,non houbo nin hai, ningunha autoridade que faga algo por impedilo malia que ten a lei precisa para facelo. Poderíamos propoñer unha lei sociolóxica: a proporción de pintadas e de refugallos do botellón é directamente proporcional ao desleixo e ineficacia das autoridades…
Os carteis, se un se fía deles, informan do que acontece na cidade. Hainos de moitos tipos: actuacións musicais, cursos varios, carreiras deportivas, festas, anuncios de Petgrooming&spa,(para cans) pero uns cantos reclamaron a miña atención. O primeiro dicía: “Mecánico a domicilio”que pode interpretarse de xeito variado. Ao seu carón, anunciábase un curso de Biodanza, Bioyoga cunha oferta a maiores dos máis tradicionais cursos de Flores de Bach, Reiki, auriculoterapia, aromaterapia, ou danzas tribais. Había un engadido: (Ven) a trabajar la niña interior.Supoño que estarán a piques de aparecer, (adoitan ser no outono) os de Psicoloxía Tibetana e viaxes astrais pero o que máis me gustou dicía o que sigue: Curso Conferencia: El lenguaje de los piés. Importancia de la verticalidad para anclarnos y encontrar en nosotros el Ser verdadero. Supoño que falarán deHeidegger e os avatares da ontoloxía alpina. Subvencionado creo que non estaba, cousa curiosa, pois as autoridades locais e provinciais gorentan destas pseudociencias se cadra porque acaen coa súa pseudopolítica.
Apréndese moito paseando…
O Velho do Restelo
[1]En portugués: xubilado.