1.- Volvía do paseo mañanceiro de “aposentado” contando as conversas que escoitaba da xente coa que me cruzaba ao chou e anotando mentalmente as que falaban en galego e as que o facían en castelán. Era un barrio periférico popular pero aínda así foi unha sorpresa o resultado: de 65 conversas, 57 eran en galego, iso sí, case todos os galegofalantes eran de idade media ou maiores, cousa nada estraña pois é o que queda en Ourense e algunhas desas conversas eran cun interlocutor presente virtualmente nun teléfono nos lonxes.
Mentres agardaba nun semáforo para evitar os 200 euros de multa cos que este entolecido concello pode castigarnos por cruzar a rúa en “roxo”, oín como unha señora duns 60 anos informaba a outra dun político que describía como segue: “Si muller… é un deses que din Todosetodas”.
Non estou certo pero coido que falaba dalgún concelleiro, deses que, como escoito nas retransmisións dos plenos do Concello, din de xeito moi incorrecto mais cheo de boas e sentimentais intencións e nun galego acastrapado, “a leite galega” (o leite galego), “as deposición dos perros” (cans), ou “ayer” (onte) pero non esquecen o politicamente correcto, “bos días a todosetodas”. Un político falando en castelán que dixera, “el leche gallego”, penso eu que non tería moito porvir (ou sí, quen sabe) pero a cousa semella non ter moita importancia cando se trata da lingua (dunha das linguas) do país o que indica que o uso do galego é pouco máis cun postureo sen moita compostura léxica, semántica e sintáctica. Un estudo da Universidade de Compostela que lin non sei onde, revelaba que os rapaces de 4º da ESO (15-17 anos) enquisados polos investigadores consideraban o castrapo que falaban moitos deles (que definían como galego con influencias léxicas do castelán), como algo non desaxeitado ao que recoñecían valor identitario local e como a variedade auténtica da fala. Ao cabo, vai ter razón Manoel Rivas, creo que foi Rivas, que hai anos xa dicía que os políticos galegos non falaban mal o galego; falaban moi ben o castrapo. Seica a cousa non mellorou. Agora tamén falan castrapo e se gaban de facelo, os rapaces da ESO. Pois nada: bos días a todosetodas; ayer dinlle ao perro un pouco de pienso por la noite; eu bebín un pouco de leite galega i me fui a deitar…
Teño porvir como político galego…creo