Penso que a política só pode aspirar a ser a arte do contínuo debate de ideas sobre a vida social que compartimos e non debe admitir, a non ser que teñas unha concepción totalitaria da mesma, ningunha alternativa duradeira ou solución final que propoña arranxar de xeito definitivo os moi diversos problemas aos que nos enfrontamos os humanos, e menos en sociedades tan complexas como as actuais. Iso é cousa das teoloxías, xa sexan relixiosas ou laicas. Hai que ter presente, sobre todo as xentes que se din de esquerdas (cada un fala do que lle doe), o lema daquel primeiro campo de internamento soviético de Solorki («a nai do Gulag», segundo Solzhenitsin): «con man de ferro levaremos á humanidade á felicidade». Coñecendo a historia do experimento, prefiro seguir sendo infeliz e camiñar por min mesmo ou na compaña dos meus veciños e concidadáns pola senda equivocada.
Na actual situación do país, aqueles políticos que non sexan quen de pactar cos seus máis ou menos opostos–e pactar só se pode pactar uns mínimos compartidos-, sería mellor que se retirasen e se dedicaran a outra cousa, mesmo a fundar unha secta cos electores máis cazurros e intrasixentes.