OS MAIOS (“artísticos”) O ENTROIDO (de verán) E O KITSCH

Comparte esta noticia:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

 

Un maio é unha imitación dunha árbore que rexurde na primavera despois da invernía. En Pontevedra na miña mocidade, (xa van anos) os maios eran, e coido que seguen a ser, cónicos, adornados con laranxas sobre bases de fiúncho, musgo ou xestas e acostuman ir na compaña de coroas no cumio dun pau longo. Son fermosos. Un rapaz, métese dentro do maio e canta unha ou varias coplas que repiten outros rapaces mentres dan voltas arredor. Ao remate, o rapaz que está dentro do maio canta: !Ërguete maio de enriba de min…” mentres os demais van levantando o maio paseniñamente.  Eses son os maios que eu fixen, nos que participei e nos que cantei. Non sei como serían daquela  en Ourense pero supoño que antes dos chamados maios artísticos a cousa non sería moi diferente. No día dos maios de hai meses, indo polo paseo, atopei uns estraños aparellos que levaban o nome de maios cun número concursal do concello. Había rodas de afiar, canastros, pontes, carros de bois, figuras humanas, porquiños, uns feixes de ramallos que semellaban bruxas, e cousas dese feitío. Eran, supoño, os chamados maios artísticos. Algúns deles estaban feitos de flores ou fíos de plástico e papel.  Xa se sabe que cando algunha disciplina engade o adxectivo “artístico” é que non é arte do mesmo xeito que as que engaden “científica” non son ciencia. A química, a matemática ou a física non levan adxectivos. A arte, tampouco. Uns maios deste xeito, arquetipos do kitsch máis requintado, non  permiten cantar dende o seu interior, nin erguer o maio. Nada teñen que ver  co agromar dos froitos e das flores agás que se pense que unha roda de afiar ou un canastro florecen na primavera. Nos maios chamados tradicionais, uns metros máis alá, a situación non melloraba. Pequenos case todos,  escanastrados, sen posibilidade de cantar dende dentro, alleos a calquera pretensión de beleza formal. En algures, queixábase hai moitos anos don Vicente Risco destes maios artísticos que por entón non eran aínda de plástico nin de papel e tiñan un certo porte. Agora a festa é unha apoteoses do kitsch que se a concellería de cultura tivese unha mínima sensibilidade e coñecera a tradición, xa a tería levado por carreiros máis tradicionais que permitirían desbotar plásticos e papeis, rodas de muíño e canastros, para devolverlle aos maios o seu sentido tradicional e auténtico onde os poetas fan as coplas, os rapaces as cantan (dende dentro e dende fóra seguindo o ritmo dos paus) e onde os maios son o que sempre foron: arremedos de árbores ou nenos árbores festexando o rexurdir que trae a primavera. Si se quere manter a festa como o que sempre foi abondaría con que os premios dos maios “enxebres” sexan o dobre que os “artísticos” e axustar as bases do concurso ao xeito tradicional de construílos e cantalos. Non creo que aconteza tal cousa.

Algo semellante acontece co entroido, festa ourensá onde as haxa, que na súa versión tradicional cos seus cigarróns, felos, pantallas e peliqueiros, ten sona máis alá do país noso. É festa antiga e de interese que cómpre coidar. O entroido ten datas sabidas desde hai séculos. Nunca houbo un entroido de verán como que se celebra este sábado nin ten sentido ningún que exista tal espantallo. Se catro badocos modernos e iletrados que non respectan nin a tradición nin a historia queren se disfrazar no verán o que teñen que facer e pagar do seu propio peto a súa diversión e non coas subvencións do concello que non debería concedelas pero, dunha concellería que paga este espantallo do entroido do verán traizoando o que o entroido ten de seu,  non hai moito que agardar. O entroido de verán pode ser de verán pero entroido, o que se di entroido, non é. Claro que nunha cidade que non ten un metro de portas e paredes sen unha pintada, mesmo nas súas prazas antigas e nas estatuas de persoeiros das letras do país, se cadra un entroido como este acae moi ben coa vandalización global da cidade. É… ¿porque non un entroido de outono, outro de inverno, unha semana santa de inverno, un nadal de primavera, outro de verán[1], e así…?. Don Antonio Machado queixábase dunha España de “charanga e pandereta”. Na Galicia d  hoxe, a cousa vai de troula e pandeiro camiño do Gran Botellón Galego, unha chea incesante de festas subvencionadas  espalladas por todo o país para divertir ao persoal. A Roma clásica facíao mellor pero ao cabo, tanto circo acabou con ela.

Paul Valery dicía que, a vida sería soportable senón fose polas festas, frase sen dúbida excesiva pero que é verdadeira cando as festas inzan e fan festivos espazos e datas que non lle pertencen. Tal como anda a cultura en mans de políticos iletrados pedir que lean a Philippe Muray (o homus festivus e a hiperfestividade) ou a Neil Postman, Divertirse até morrer e tiren as consecuencias que sobre a sociedade ten unha enchente tal de festas é moito pedir polo que non se pedirán pero polo menos queda o desabafo de lles dicir: !metan tanta festa e tanto ruído…!

[1] O alcalde Vigo acaba de anunciar o comezo da instalación da iluminación das festas de Nadal (máis de dous millóns de euros vai custar) que agarda que compita coa iluminación de Nova York, París e alguna cidades máis. Seica a megalomanía e a festivización non só e cousa de Ourense.

Dejar un comentario

Deja un comentario desde facebook sino quieres registrarte

Próximamente, entra en nuestra tienda