Teño para min que parte do éxito dos documentais descansa na crenza que teñen tanto creadores como espectadores de que este tipo de películas non pertencen ao xénero da ficción. Esquecen que, aínda sen ter en conta que a mirada que grava ou fotografía xa manipula, a montaxe a posteriori dos distintos planos rodados, cos engadidos da palabra e a música, non é máis que o intento de elaborar un argumento visual e sonoro que dote dun sentido, máis ou menos coherente e unitario, a aquelas imaxes que retratou e que xa estaban prefiguradas dalgún xeito no guión e no obxectivo perseguido. Nada distinto ao que fan os cineastas de ficción, os novelistas e mesmo os fotógrafos. Xa non digamos os historiadores, inventores de suxeitos e personaxes que se moven ao longo do tempo como unidades unívocas e unidimensionais de conduta e intención, como di Ferlosio. Non outra cousa que ficción facemos tamén as persoas cando nos dotamos das variadas biografías que imos elaborando durante a nosa existencia para tratar de esquecer que a vida non ten sentido nin argumento.
Se a ficción histórica, tanto por medio das ilustracións, como da novela, da fotografía e o cine, imposibilita a xa de por si case imposible tarefa de imaxinarnos o pasado, no caso dos documentais sobre a natureza a cousa é máis grave e a manipulación chega a extremos noxentos coa humanización da mesma natureza (dámoslle nomes de persoas aos ciclóns e aos animais, ademais de dotar a estes últimos de calidades humanas, por poñer dous exemplos). O curioso do asunto é que case todos os humanos tivemos algunha experiencia na que sentimos a natureza como algo estraño, algo que non podemos explicar coas palabras: quen non se sentiu algunha vez un xoguete dos elementos naturais? A natureza é a grande negadora, como apunta Ferlosio, da idea tan manipuladora como humana da Harmonía Universal. Por iso a manipulamos, adaptámola, metémola nas nosas casas e facémola alcanzable para todos os públicos, sen darnos conta que dese xeito xa non temos acceso a ela —«O universo ao alcance da man xa non é tal universo» (Ferlosio)— e dimitimos da tarefa de coñecela desde a distancia, o respecto e a falta de pragmatismo cos que se debe abordar calquera tipo de coñecemento, xa sexa das cousas da natureza ou das humanas.
Semella que os humanos somos moi medrosos diante da alteridade tanto da natureza como dos outros humanos e de aí que optemos a miúdo por ocultar ou adaptar todo o que nos resulta estraño e se resiste ás nosas crenzas e poda invalidalas ou socavalas. En palabras de Ferlosio: «la obsesión centrípeta de una humanidad acobardada y capitidisminuida que aborrece asomarse a la intemperie de cuanto la rebasa, que pugna sin descanso por echar sus tentáculos sobre cuanto amenaza desmandársele —ya natural, ya humano que ello sea—, para aherrojarlo en el cerco de lo propio».
Bibliografía: Rafael Sánchez Ferlosio, “Personas y animales en una fiesta de bautizo” (Madrid, 1962, 1965), Ensayos I. Altos estudios eclesiásticos. Gramática. Narración. Diversiones. Barcelona: Debate, 2015; pp. 5-27.